Manifesto en defensa da cultura comunitaria, as súas xentes e os seus espazos


Nos últimos días estamos a vivir un incremento da presión e do acoso sobre o ecosistema da cultura comunitaria que está a concretarse no inminente ou xa consumado desmantelamento ou ameaza dalgúns dos seus proxectos e espazos de referencia. Ante isto, urxe denunciar este acoso e opor resistencia a través da defensa colectiva das múltiples redes de traballo compartido, coidadosamente construídas en espazos e territorios ao longo de moitos anos, que veñen xerando actividades e proxectos que potencian o valor social e transformador da cultura.

Desde a Red de Espacios y Agentes de Cultura Comunitaria, a Red Cuenco, o Cubo VerdeArtibarri, o Colaboratorio de Innovación Ciudadana, o Museo Situado, Galaxxia, Colectivo Llámalo H… queremos expresar a través deste manifesto, a nosa fonda preocupación polo impacto que estas accións de desarticulación do comunitario están a ter e que agora se exemplifican de forma dramática e sintomática nas cidades de Madrid e Zaragoza.

Queremos reivindicar o rol imprescindible dos espazos e programas colaborativos de distinta índole coma a Red Cuenco, Medialab Prado, Espacio Vecinal Arganzuela, Radio Vallekas, a emisora M21, Casa de Cultura de Chamberí, Harinera ZGZ ou o Programa de Residencias de Matadero, hoxe a piques de ser cernados dos nosos territorios, coma lugares e actividades chave para o desenvolvemento das prácticas de arte e cultura comunitaria e, por tanto, para afrontar os retos comúns aos que actualmente, coma sociedade, enfrontamos (especialmente no escenario de reconstrución ecosocial trala pandemia).

Entendemos por cultura comunitaria calquera práctica artística que, nun mesmo proxecto, actividade e territorio, involucra a axentes e a comunidades en procesos creativos de carácter colaborativo. Iniciativas que traballan pola inclusión, coidando as  persoas, os procesos e as contornas; que inclúen e xestionan a diversidade; propoñen a participación activa e o apoderamento; poñen en valor saberes enraizados nos territorios e xeran redes fortes e sostidas no tempo. 

Ademais dos evidentes beneficios sociais que achegan, os proxectos e espazos de cultura comunitaria teñen un alto valor artístico e cultural que contribúe de maneira irremplazable á habitabilidade e a cohesión das contornas, tanto urbanas coma rurais, onde se sitúan. 

Lembremos que apoiar a cultura comunitaria é tamén apoiar a un sector profesional en crecemento tanto en España coma no resto de Europa e continentes: o ecosistema  da cultura comunitaria está amplamente recoñecido pola Organización Mundial da Saúde, a Axenda de Roma 2030 e consolidado coma política cultural en moitos países tanto de Europa como de América (EEUU, Canadá ou a Red Cultura Viva de Latinoamérica).

Os proxectos de cultura comunitaria redundan, ademais, na saúde física e mental das persoas, e por iso son denominados tecnicamente como “Activos para a Saúde”, é dicir, son un “factor que mellora a capacidade das persoas, grupos, comunidades, poboacións, sistemas sociais e institucións para manter e soster a saúde e o benestar, e que lles axuda a reducir as desigualdades en saúde”. 

Ademais, son chaves como espazos nos que promover os dereitos culturais e democráticos, loitar contra as diversas desigualdades sociais e promover cidades, pobos e territorios máis democráticos, resilientes e sustentables. 

Desde a constatación de que o ciclo xerador de benestar, innovación social, dereitos e futuro digno para todas as persoas que é a cultura comunitaria atópase en grave perigo, facemos un chamamento urxente aos medios de comunicación e á cidadanía en xeral para alzar as nosas voces contra o desmantelamento da nosa cultura e para apoiar de forma decidida os seus axentes e espazos.

Pero, sobre todo, esiximos ás nosas administracións públicas, tanto a nivel local coma rexional e estatal, que de forma inmediata:

→ Poñan a disposición, protexan e dean sustentabilidade a medio e longo prazo aos espazos públicos, comunitarios ou híbridos coma bens comúns da cidadanía, con independencia do signo político das administracións dos que dependan.

→ Deseñen políticas públicas que apoien de maneira integral o desenvolvemento de ecosistemas de cultura comunitaria e inclúan partidas orzamentarias propias para estes espazos que posibilitan unha cidadanía activa, que xeren redes de colaboración e que promovan os dereitos culturais.

 Implementen mecanismos de participación e gobernanza cidadá por e para a cultura comunitaria, convocando de maneira inmediata a consellos cidadáns representativos nos seus territorios e dotándoos de recursos para que poidan levar a cabo o seu labor de información, representación e seguemento das políticas anteriormente mencionadas.

Nacemos en contextos de crises e sabemos sobrevivir, seguimos no medio dunha urxencia sanitaria e social que desbordou ás institucións, pero que tamén demostrou a capacidade cidadá de organizarse para asegurarnos de que ninguén queda detrás, a pesar dos tremendos obstáculos que enfrontamos. A cultura comunitaria formou parte desa reacción e resistencia cidadá e aí imos seguir. 

Somos alianzas e complicidades e seguiremos a traballar e a inspirar.

Para seguir creando, en común e en comunidade.

Firman:

Acceso 44
AMECUMArtibarriAsociación JerteArte
Ateneu L’Harmonia – Federació d’Entitats de Sant AndreuAteneu Popular Nou BarrisColaboratorio de Innovación Ciudadana
Colectivo Llámalo H 
El Cubo Verde · Red de espacios de arte en el campo
Enredando Culturas
GalaxxiaKARRASKAN
La LLeialtat SantsencaMuseo Situado
Plataforma Asamblearia d’Artistes de Catalunya (PAAC)Plataforma veïnal el Borsí Pel BarriRed Cuenco 
REACC – Red de Espacios y Agentes de Cultura Comunitaria
Secretariat d’entitats de Sants, Hostafrancs i la Bordeta
T.A.S.C. (Turó Acció Socio Cultural)
T.J.I.U. (Taller Jove d’Informació Urbana) (Ràdio RSK)
Teatre Arnau Itinerant
Xarxa CooperasecXarxa Economia Social De Caralunya (XES) i Xarxa  d’Espais Comunitaris (XEC)

Se queres adherirse ao manifesto, faga clic aquí